Consellos para afrontar unha entrevista de selección exitosa


Moitas veces, cando realizamos busca de emprego e somos seleccionados para a realización dunha entrevista de traballo, non reparamos na importancia das accións previas a esa cita e en canto poden influír na consecución dun resultado positivo da mesma. Como sabedes, o voso desempeño na entrevista de selección marcará o éxito no proceso, xa que nela debemos convencer á persoa a cargo da nosa idoneidade para o posto. A continuación, quero compartir con vós unha serie de consellos sobre como afrontar unha entrevista de traballo, que cousas debemos ter en conta e como preparala para poder resolvela con seguridade e maximizar as vosas oportunidades laborais.




QUE COUSAS DEBEMOS FACER ANTES DE PRESENTARNOS NUNHA ENTREVISTA?

Se o teu CV resulta seleccionado, a empresa poñerase en contacto contigo. Para isto, frecuentemente se utilizan tanto o correo electrónico como unha chamada telefónica, na cal marcarán un día e unha hora para levar a cabo a entrevista. Se a empresa utilizase un correo electrónico para darnos a coñecer a cita, debemos ler con atención toda a información que nos envían, e posteriormente, contestar a ese correo de maneira profesional, e se se nos plantexa algunha dúbida que non poidamos resolver por nós mesmas, deberemos formulala por correo electrónico ou poñéndonos en contacto telefónico coa persoa interlocutora da empresa.

Seguro que tedes presente que debemos revisar as nosas redes sociais cando realicemos envíos de candidaturas para buscar emprego. No caso de non ter feito previamente un cribado profundo da información que circula de nós na rede, este será un bo momento para realizalo. Deberiamos evitar que se mostrasen comentarios negativos sobre antigas empresas/superiores, comentarios ou fotografías comprometidas... en definitiva, calquera información que non resulte profesional.



Botando man das TICs de novo, podemos tamén realizar unha pequena busca da empresa. Na rede podemos atopar todo tipo de información, obxectivos da empresa, solvencia, noticias en xornais ademais de moita información nas súas redes sociais para poder facernos unha idea das funcións a realizar e dalgunhas cuestións que poden xurdir na entrevista.




Despois, debemos revisar exhaustivamente o noso CV, debemos ter claro que cousas queremos destacar durante a entrevista e que queremos comentar en cada punto que incluímos nel. Tamén debemos poñernos na pel da persoa entrevistadora e intentar prever que tipo de preguntas nos poderán facer e ensaiar algún tipo de resposta que nos poida favorecer (sempre axustándonos á realidade, xa que mentir soamente nos serviría a curto prazo, e moitas veces o único que lograríamos sería que a persoa encargada da selección, o detecte e nos elimine directamente do proceso).


Debemos tamén analizar, sempre dende a honestidade:
  • os puntos fortes e débiles da nosa carreira laboral e da nosa formación,
  • aprendizaxes adquiridas en postos anteriores, estean ou non relacionados co novo traballo ao que nos postulamos,
  • as nosas características persoais, motivacións laborais e aptitudes, para poder defender as razóns que apoian que somos a mellor opción para ese posto.

Tamén debemos coidar a apariencia, xa que como sabemos as primeiras impresións teñen unha grande importancia nos procesos de etiquetaxe rápido das persoas, déixovos un par de enlaces a vídeos con máis información, por se vos interesa o tema. Debemos escoller con antelación, roupa acorde ao posto ao cal nos postulamos. Moitas veces obviamos este punto, sen considerar a importancia que ten de cara a idea que a persoa entrevistadora se fará de nós. Debemos saber que non é necesario vestirnos de traxe se imos solicitar un posto de xardinería; en cambio, se queremos solicitar un posto de dirección, si será positivo de cara a primeira impresión.

É esencial chegar descansados, polo que é moi importante durmir polo menos 8 horas para poder dar o mellor de nós mesmos, e puntuais, básico se queremos causar boa impresión e demostrar que somos persoas dignas de confianza para un posto, ademais de evitar engadir un estrés innecesario e apuros de última hora que poidan alterar o noso estado de ánimo. Para logralo, deberemos calcular con coidado o tempo necesario para chegar ao lugar acordado, e ademais engadir un tempo “extra” por se xurden imprevistos no traxecto. Se é necesario, programa unha alarma no teléfono móbil que che recorde a hora de saída prevista.


Para resumir,hai moitos puntos que podemos preparar antes de acudir á entrevista que favorecerán a nosa percepción de seguridade e o control da primeira impresión que causemos, influíndo positivamente nas posibilidades que teñamos de conseguir o posto.



Se queredes ter máis información relativa á busca de emprego e ós procesos de selección, deixo aquí uns enlaces con consellos sobre:

- Como realizar un bo currículo

- Como realizar ben unha entrevistade traballo.

- Como escoller a vestimenta axeitada para unha entrevista.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Los Itinerarios Personalizados de Inserción Laboral

POLÍTICA SOCIAL Y DE EMPLEO EN LA UNIÓN EUROPEA